A torre-fortaleza do Castro de Terra de Montes foi mandada construír por Xelmírez, que viña a ser o primeiro señor da comarca. Esta foi levantada sobre unha antiga construción castrexa. Como sabemos, os castros en Galicia están situados en lugares altos e seguros. No caso que estamos a tratar, a torre, estaba situado nun alto, pero rodeada por dous ríos, o río Castro por un lado e o río de Presqueiras, o que creaba así unha forte protección en caso de asedio ou ataque. Sabemos que naquela época, Terra de Montes estaba rexido polo arcebispado de Santiago de Compostela, o cal, necesitaba contar con elementos para defender e manter o dominio sobre estas terras. Nesta fortaleza vivía o Xuíz-Meriño, que se encargaba da administración do patrimonio e solución de conflitos dentro dos seus dominios. Esta torre sufriu un incendio, despois do cal foi reconstruída, pero máis adiante os irmandiños, na súa loita dos campesiños contra o poder, destrúen esta, e moitas outras dende a súa saída de Pontevedra. Despois disto e ante as penosas condicións da fortaleza os xuíces meriños van vivir a Soutelo de Montes. Na actualidade conservamos un montón de pedras totalmente invadido pola maleza, á parte de que dentro da muralla se edifica a capela da Nosa Señora do Castro (ou tamén coñecida como capela da Virxe dos Remedios). Tamén sabemos que as pedras desta foron seguramente utilizadas para facer casas ou muros nesta zona. Neste lugar os veciños teñen o alcume de churruschaos, debido a que esta foi unha das familias que viviu nesta fortaleza. Unha veciña cóntanos que sempre se oíu que había uns pasadizos subterráneos, os cales daban acceso ao río. Tamén nos dixo que estes podían ser utilizados polos animais para beber, posto que para chegar ao río habería, doutra maneira, que baixar polo gran desnivel que presenta a montaña. A muller cóntanos ademais unha lenda: debaixo do cruceiro foi gardado ouro, aínda que este cruceiro foi movido ante a chegada de cabalerías á zona. Anos máis tarde búscase este ouro e o único que foron capaces de topar foi unha extraña borralla, a cal utilizaron para fertilizar as leiras, sen saber que este era o ouro que os mouros moeran. A Torre do Castro de Montes foi destruída, pero isto non quere dicir que non quede nada dela. Parte das súas funcións foron desempeñadas, trala súa destrucción, pola Torre da Alarma (de Barciela). Seguro que logo de ver esta torre moitas veces ninguén se deu conta de que esta non sempre estivo colocada no mesmo sitio no que se atopa agora. A 5 quilómetros de Presqueiras topámonos coa igrexa de Castrelo, que está situada na Barciela. Ao lado disto álzase unha torre de 10 metros de alto, a cal esta dividida en tres corpos. No primeiro, subindo pola escalinata que bordea a torre chegamos a un arco cego. Dende aquí outra escalinata sobe ata o segundo corpo onde vemos un lugar utilizado para facer lume. E xa chegados ao último corpo vemos o lugar onde probablemente estivese colocada unha campá. Esta torre pasou para esta nova ubicación, logo de que os Irmandiños destruísen a fortaleza, e de que os xuíces-meriños se trasladaran a vivir a Soutelo de Montes. Esta tiña unha función moi simple pero á vez moi útil. Empregouse para avisar aos veciños dos invasores franceses, cando Napoleón entrou en Galicia, e tamén de actos destrutivos cometidos na zona durante as guerras Carlistas. Antes disto todo, a torre tiña unha función distinta, é era a de avisar aos veciños dos actos de culto e as xuntas de montes que se levaban a cabo na zona. Isto todo ocorreu antes da construción do templo parroquial de Castrelo. Na actualidade dita torre segue en pé, aínda que o estado de conservación non sexa moi bo. Este monumento estase descoidando e está a crecer unha capa de matogueiras bastante grandes ao seu redor. E son cousas como estas as que fan que nos demos conta do estado no que se atopa o patrimonio da nosa terra. Este tan só é un exemplo máis doutro monumento cunha gran importancia para a historia deste concello, o cal está a quedar no completo abandono. Dende aquí facemos unha chamada a que todas as persoas se empecen a preocupar por conservar os bens culturais que forman a nosa memoria histórica. *Este artigo, está baixo os dereitos de autor da páxina ©Ventoxo Imaxes, para a súa modificación ou uso, é necesario o permiso explicito dos seus autores. Para máis información sobre o artigo contacte con nós en: [email protected]. Luis Alberto Silva Casas e Sara Troitiño Ovelleiro
0 Comentarios
Ala polo decembro de 1633, na poboación de Grobas, unha pequena aldea situada no val dun río de mesmo nome vivía un home chamado Xosé, dono dunha casiña na que so vivían el, a súa muller Isolda e o seu fillo Francisco. A familia tiña certos problemas para subsistir xa que ese fora un ano verdadeiramente malo, as colleitas eran bastante escasas e os dous porcos que tiñan, e máis algunha galiña, morreran a causa do frío. Xosé, tiña moita relación co párroco de Millerada, Don Aurelio, ao que lle axudaba todos os domingos na misa, converténdose deste xeito no sacristán da parroquia. Uns anos antes, o cabido da Catedral mandara construír unhas neveiras que eran, uns buratos na terra cubertos na súa parte interior por un muro de pedra para almacenar a neve ata conseguir xeo e así poder conservar alimentos. O lugar indicado polo cabido foi o monte de Fixó, outro dos pobos de Millerada. Decidiron situalas alí porque existía unha ruta dos Arrieiros cara ó Ribeiro, facendo que a zona estivese moito mellor comunicada. O cabildo logo de construír as dúas neveiras e máis unha casa que funcionaría como almacén, necesitaba unha persoa que administrara o negocio, e outra que traballara alí na fabricación do xeo. Falaron co párroco para que levase o negocio, Don Aurelio, logo de pensalo un pouco, decidiu aceptar a oferta que se lle propoñía. O home vendo a situación económica de Xosé, decidiu axudarlle dándolle traballo xunto a el nas neveiras. O primeiro día, Xosé recubriu o chan de palla, facéndolle un bo leito a neve, para que esta non se ensuciase, despois disto colleu o seu carro e as súas dúas vacas e marchou de camiño a unha pequena depresión na ladeira da montaña para coller a neve. Transportábana no carro das vacas e depositábana nas neveiras para despois prensala e así convertela en xeo. Cando xa estaba o proceso rematado, o xeo era cortado e vendido aos nobres que gustaban incluso ata de facer xeados nos meses de calor. Volvendo a actualidade, empezan nas neveiras uns traballos de arqueoloxía para rehabilitalas xa que estas permanecían nun total abandono dende o s. XIX. Dubídase da forma da cuberta das neveiras, aínda que se pensa que probablemente fose en forma de cúpula, así como do material utilizado para o tellado. Como ben din, hai que mirar o pasado para poder escribir o futuro, así que historias como a das neveiras de Fixó non so nos serven para darnos conta da realidade da época e de como esas neveiras se transformaron nas actuais senón para coñecer estes fermosos recunchos que esconden os nosos pobos. *Este artigo, está baixo os dereitos de autor da páxina ©Ventoxo Imaxes, para a súa modificación ou uso, é necesario o permiso explicito dos seus autores. Para máis información sobre o artigo contacte con nós en: [email protected]. Luis Alberto Silva Casas e Sara Troitiño Ovelleiro A canteira de Ventoxo, era unha explotación mineira a ceo aberto que se inaugurou no ano 1973 da man da empresa “Agroman”. Dende ese ano e tras a extracción dunha alta cantidade de materiais outras empresas interesadas no proxecto como “Hermanos Díaz” (1982), “Malvar” (1989) e finalmente, “Sercoysa” (2005) comezaron a traballar nesta canteira que finalmente queda abandonada no ano 2012 despois de case 40 anos de explotación. Este lugar, que permanece intacto despois de tantos anos, deu por converterse nos últimos anos nun foco de interese cultural e ata incluso reclamo turístico non so para os veciños da zona, senón que atrae a numerosos viaxeiros. Aínda que debemos ter en conta que esta non é unha paisaxe natural senón que é o resultado de décadas de acción humana, é o resultado dun forte impacto medioambiental coa consecuente modificación do ecosistema propio. Podemos advertir o cambio, xa que pasou de ser un monte a un lago nun corto prazo de tempo, tan so corenta anos. Con estas alteracións moitos animais e vexetais perden o seu hábitat natural e ao ver que o seu ecosistema está quedando asolagado, vense obrigados a fuxir ou morrer alí. Por outra banda dámonos conta de que unha canteira é un elemento necesario, xa que sin ela non teríamos gran parte do material de construción que hai nas nosas estradas, casas,etc. O que nos leva a presentar un dilema moral, debemos modificar un ecosistema ata o punto de rematar con el so para obter materiais en vez de apostar por substitutos naturais para o problema? *Este artigo, está baixo os dereitos de autor da páxina ©Ventoxo Imaxes, para a súa modificación ou uso, é necesario o permiso explicito dos seus autores. Para máis información sobre o artigo contacte con nós en: [email protected]. Luis Alberto Silva Casas e Sara Troitiño Ovelleiro |
Luis Alberto Silva CasasRedactor do Blog Ventoxo en Imaxes. ArchivosCategorías |